Coa chegada do mes de Maio chega a Pontevedra unha festa popular moi
coñecida e apreciada nesta cidade, na que se celebra a chegada da primavera, é o tradicional Concurso dos Maios.
Antigamente esta celebración consistía nunha adoración á natureza na que se
pedía que a colleita fora boa e a terra dera máis froitos. Co paso dos anos converteuse
na devandita festa.
Para as persoas que descoñezan esta celebración da nosa cidade, sabede
que os participantes do concurso son escolares, asociacións culturais, veciñais
o xuvenís, e tal como dicía a tradición, o maio de Pontevedra, é de forma
cónica, de entre 1,5 e 2 metros de alto, adornado con produtos naturais (margaridas,
laranxas, ovos, fiúnchos pampullos, cartuchos, camelias, calas, rosas
silvestres) e bandeiriñas de papel. Ademais, irán acompañados por unha coroa,
adornada con flores. Unha vez se presenten oficialmente tódolos maios, comezará
o concurso no cal cada grupo subirá ao escenario e cantará a súa copla, desta
forma tódalas persoas que están na festa
terán a oportunidade de observar e escoitar aos participantes con máis
atención. Ao ser un concurso, ao finalizar a representación daranse premios
económicos aos participantes, ven sexa ao
maio ou coroa máis orixinal ou as coplas. O grupo que non cumpra tódolos
requisitos necesarios é descualificado e non pode optar aso premios.
Invitámosvos a dar un paseo en familia pola popular praza da Ferrería o
martes día 1 de Maio, a media mañá, para gozar desta tradición, e tamén recoller
un pouquiño de información e as orixinais coplas que se escriben para acompañar
aos Maios. Podedes traer ao centro fotos deste ano ou de anos anteriores, coas
que faremos en cada aula un pequeno recuncho desta celebración.
Agardamos que disfrutedes da festa e nos contedes moitas tradicións interesantes
sobre ela.